Friday 17 de May de 2024

Diego Calvo formaliza o compromiso da Deputación da Coruña co novo viveiro de empresas de Ribeira


As obras consistirán en adecuar o antigo matadoiro municipal no novo centro de negocios

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, vén de formalizar o compromiso da institución provincial co Concello de Ribeira ao asinar co seu alcalde, Manuel Ruíz Rivas, o convenio de colaboración que permitirá a creación do novo viveiro de empresas.

A través deste acordo, a Deputación achegará 77.000 euros ao concello para axudar a crear estas novas instalacións destinadas a dotar aos emprendedores e autónomos dun espazo no que comezar o desenvolvemento das súas empresas. Ademais dunha sede física, este centro terá servizos para acompañar aos usuarios nos inicios dos seus negocios con asesoramento adaptado a cada iniciativa empresarial.

O viveiro vaise localizar no antigo matadoiro municipal polo que o proxecto consiste en adaptar estas instalacións ao seu novo uso. Neste senso, a actuación contempla unha ampliación do edificio nos extremos norte e sur, o que permitirá alcanzar unha superficie total de 421 metros cadrados. Dentro, está previsto crear sala de reunións, arquivo, recepción-control, aseos, dez despachos e un espazo de usos múltiples. As obras, cun orzamento total de 385.000 euros, inclúen tamén o illamento total das soleiras e a cuberta.

O obxectivo desta iniciativa é que xerminen novas iniciativas empresarias no concello e na comarca co obxectivo de favorecer a economía de toda a provincia. De feito, para que as distintas ideas saían adiante, o novo edificio está formulado coma un espazo no que os distintos emprendedores se poidan relacionar entre si e, deste modo, crear sinerxías que favorezan aos seus negocios. Para iso, haberá un área central que funcionará como zona de interrelación e comunicación na que se poderá ver o traballo dos distintos emprendedores.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña, ademais de comprometerse co Concello de Ribeira, faino con toda a provincia ao promover iniciativas que favorecerán o desenvolvemento económico e, polo tanto, aos seus habitantes.